O 65,3 % das obras presentadas á XXII edición dos Mestre Mateo teñen a súa versión orixinal en galego

A Academia Galega do Audiovisual xa ten abertas as votacións para escoller as candidaturas finalistas nesta vixésimo segunda edición dos premios Mestre Mateo. Un total de 173 producións foron presentadas para participar na presente edición, o que supón un descenso de 21 traballos con respecto ao 2023. Mais, por outra banda, bátese o récord de participación nas categorías de longametraxe, programa e curtametraxe: 11 longametraxes (10 de ficción e 1 de animación), 40 programas e 45 curtametraxes (38 de ficción e 7 de animación).

Candidaturas de Nós Televisión

Nós Televisión figura tamén entre as candidatas nesta XXII edición dos Premios Mestre Mateo coa serie documental Nosoutras, as mulleres da revista Nós e co documental Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos.

Longametraxes

A categoría de mellor longametaxe dá conta da excelente colleita do audiovisual galego en 2023, con films recoñecidos en festivais como O Corno, coroado coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastian e a película de animación, O Soño da Sultana, tamén galardoado no prestixioso festival donostiarra; Matria e Sica, aclamadas na pasada Berlinale; Cando toco un animal, presente na selección oficial do Festival internacional Rizoma e do Atlántida Film Fest; Amigos hasta la muerte, que tivo a súa premiere no Festival de Málaga ou Vestida de Blanco, galardoada no Washington DC International Cinema Festival. Nesta listaxe tamén están presentes Fatum, un dos filmes máis vistos do ano en Amazon Prime, o film de ciencia ficción ¡Salta!, aclamado pola crítica, e os filmes corais 12 no camiño e Claustrofobia, que aínda teñen pendente a súa estrea en salas.

Uso da lingua galega

Hai un total de 493 inscritos nas categorías profesionais, dos cales 284 (un 57,6%) son homes e 209 (un 42,3%) son mulleres. As categorías que aglutinan o maior número de candidaturas son mellor montaxe, con 65, e mellor guión, con 63.

Nas obras presentadas seguimos a atopar datos positivos en relación ao uso da lingua galega, un 65,3 % teñen a súa versión orixinal neste idioma, aínda que se producise unha diminución de dous puntos con respecto á edición de 2023.

Neste primeiro prazo de votación, que estará aberto ata o 31 de xaneiro ás 12:00 horas, as académicas e académicos elixirán as candidaturas finalistas dos XXII Premios Mestre Mateo. Unha vez anunciadas, abrirase un segundo prazo de votación para elixir ás gañadoras que se darán a coñecer na gala de entrega de premios.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego