A literatura convértese en protagonista do lecer en periodo estival e as casas editoriais aproveitan para lanzar libros ben significativos. Repasamos as últimas novidades destes meses de verán dentro das editoriais Xerais e Galaxia:
Tiña eu razón de Victoria Pinal
Relatos que desvelan o que se agocha baixo a superficie do cotián, que amosan como o día a día pode verse alterado por un detalle insignificante, que exploran a inquedanza, a ansiedade que se vai instalando pouco a pouco… O improbable e o inexplicable afloran en calquera momento para abrir unha porta aos medos que nos espreitan cando quedamos a soas.
Andrés do Barro. A xénese do pop en galego
Fernando Fernández Rego achéganos á intensa vida de Andrés do Barro, marcada polo éxito e o baleiro que este trouxo consigo, así como aos tempos convulsos que lle tocou vivir, de par que nos ofrece un retrato da Galicia da época, das primeiras formacións beat, do Movemento Popular da Canción Galega e da censura que operaba nas emisoras que emitían cancións en galego, catalán e éuscaro. Un percorrido para coñecer a figura do cantante ferrolán, que deu prioridade ao seu amor pola terra e a xente, e que hoxe se reivindica pola súa modernidade e o labor pioneiro na fusión da música popular co pop.
Só os mortos saben a verdade
A morte por atropelo de Elixio Figueiras vai alterar a rutina de Secundino Santalices, taxista xubilado de 81 anos que cada día completa co seu andador o quilómetro que separa a residencia onde vive do bar que frecuenta. Elixio, amigo inseparable da mocidade e desaparecido durante máis de cincuenta anos, chegara a Vilamarín de forma inesperada uns meses antes para avivar recordos que o vello taxista cría xa enterrados. Cando aparece Alfredo Torres, detective de seguros encargado de investigar as circunstancias do accidente, Secundino vese obrigado a reconstruír a historia compartida co amigo: unha estraña relación marcada por lealdades rotas, segredos nunca confesados e unha sombra que os acompañou durante toda a vida. Durante un quilómetro de conversa, Secundino descobre que o pasado sempre espera a súa oportunidade e que, ás veces, só os mortos saben a verdade.
Elas dúas
Unha profesora que ama a música e unha alumna que ama os xardíns sometidas ás intermitencias dun ir e vir sentimental que as endurece. Este libro, escrito por Luís Rei Núñez e publicado en Editorial Galaxia, é a reconstrución dunha historia de pequenos segredos e un grande amor entre mulleres que se empeñarán en ser donas de si mesmas, antes de soñarmos sequera con que iso podía soñarse. Estamos na Galicia de 1950. África Brea vén dun lugar da costa de Muros e estuda Maxisterio en Pontevedra, onde unha das súas profesoras é María Viviana Mariño. Son tempos de penitencia e penurias, mais elas dúas vivirán a súa vida sorteando tabús.
Podes descubrir máis da literatura en galego nos nosos Espazos Literarios



