Como inflúen en nós as decisións que se toman na Unión Europea? Como ten mudado o panorama económico, social e político desde a súa construción? Como afrontar grandes retos globais como pode ser o cambio climático? E que pasa do alarmante incremento do gasto en armamento en nome da mal suposta seguridade? Cales son os retos e oportunidades aos que nos enfrontamos se miramos desde Galiza á UE? Que mudanzas trouxo para os nosos sectores primarios? Falamos dunha institución con alma ou dunha institución que pon en risco os dereitos humanos? Disto e moito máis trata a nova serie que Nós Televisión estrea coincidindo coa proximidade das eleccións europeas que se celebrarán o próximo 9 de xuño.
A serie Conversas sobre o futuro da UE está formada por 3 capítulos. O 1º deles, titulado Europa e Nós, está protagonizado polo que foi presidente da Xunta entre 1987 e 1990, Fernando González Laxe, e a analista política, socióloga e directora xeral de Igualdade durante o Bipartito galego, Ana Luísa Bouza. Estréase este martes 21 de maio ás 20:30 horas, e estará dispoñible en aberto para todos os públicos na canle de youtube de Nós Televisión e na propia web.
A 2ª conversa, titulada Europa desde o mar e o agro, estrearase o martes 28 de maio ás 20:30 horas tamén, co mariñeiro e influencer Rogelio Santos Queiruga, e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.
A 3ª conversa, Europa con novos ollos, verá a luz o martes 4 de xuño, cos politólogos Yannick Juncal e Serxio María Rodríguez Álvarez.
Todas elas foron gravadas na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, á que agradecemos a súa colaboración.