‘Mamá futbolista quero ser‘ recolle ao longo de 45 minutos a historia de Irene González Basanta e da presenza das mulleres na historia do fútbol en Galiza e en todo Estado. O documental realizado por Nós Televisión conta co apoio do Concello da Coruña, onde foi presentado hoxe a peza audiovisual da man do concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, do concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, o sobriño-neto da propia Irene González Basanta, Fernando Moral del Regaldie xunto con Ana Viqueira por parte do equipo de Nós Televisión.
Proxeccións na Coruña e estrea en aberto o 5 de outubro
O tráiler do documental pódese ver desde xa na canle de youtube de Nós Televisión, nas plataformas Movistar Plus e en R haberá que agardar ata o 5 de outubro para poder desfrutar da peza audiovisual en aberto. Entre tanto, o Concello da Coruña realizará diversas proxeccións de ‘Mamá futbolista quero ser’ na cidade a partir do mes de setembro.
Presentación do documental na Coruña
Durante a proxección do documental na Coruña, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, repasou a vida e a traxectoria de Irene González Basanta.
“Desde o Goberno de Inés Rey consideramos moi importante e necesario darlle visibilidade a vida de González Basanta, pois é un exemplo para promover a igualdade no fútbol e no deporte“, sinalou Gonzalo Castro. A coruñesa foi, na década de 1920, a primeira muller en cobrar por xogar ao fútbol e chegou a fundar o seu propio club, o Irene CF, do que era a capitá e gardameta.
A peza audiovisual de Nós Televisión conta co apoio do Concello da Coruña. Ana Viqueira, guionista e produtora da peza, agradeceu ese apoio e tamén a divulgación do propio documental na cidade da Coruña. O feito de que o documental poida ser visto pola xente da cidade herculina é algo que salientou xa que o documental “non só conta unha historia individual senón tamén colectiva“.
Ao acto de presentación tamén acudíu a familia descendente de Irene González Basanta. Intervíu así o sobriño-neto Fernando del Moral Regaldíe que advertiu da necesidade de pular polo deporte feminino, de continuar na senda dos dereitos e na visibilización de figuras que promoveron eses valores como é a propia Basanta.
No audiovisual tamén participan persoas fundamentais para a historia da cidade da Coruña como un emblema do deporte feminino como Pili Neira; Silvia Carregal, directora de As Nosas, a Doutora en Ciencias da Actividade Física e o Deporte da UDC, Cristina López Villar, o historiador Xosé Alfeirán ou os xornalistas e biógrados de Irene, Juan Luis Cudeiro e Rubén Ventureira.