Nós Televisión premio Manuel Beiras á comunicación innovadora

Nós Televisión vimos de recibir un dos recoñecementos dos XXVI Premios Manuel Beiras, compartindo galardóns deste ano con A Grileira e Aqueladas. Ás tres galardoadas recoñecéusenos o uso do galego nas nosas empresas nunha gala na tarde deste luns 1 de decembro e celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, conducida pola comunicadora Marga Pazos e presidida pola alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín, acompañada da secretaria xeral da Cámara de Comercio, Rosa Mary Cardeso, e na que participaron tamén distintos representantes da Corporación Municipal.

A rexedora compostelá incidiu na súa intervención en que Santiago é unha cidade que “demanda galego” tanto no comercio, nos medios de comunicación, coma en todos os ámbitos e, por iso, nun contexto como o actual, tamén hai boas novas para o idioma propio como é o aumento a docencia na Universidade de Santiago de Compostela. E tamén defendeu que en Santiago o galego sempre se mantivo moi vivo nas empresas, que son fundamentais para seguir sendo tractoras do idioma. Pola súa parte, Rosa Mary Cardeso proclamou que o galego é “moito máis que un signo gráfico, é un lugar onde nos permite conectar coa nosa identidade, que nos sitúa e nos identifica dentro e fóra de Galicia”.

Nós Televisión, comunicación innovadora

Recibimos o premio na categoría de comunicación innovadora. A nosa canle, de iniciativa privada, e coa atención centrada en contidos de tipo divulgativo, maiormente, sobre cultura e lingua, emite as 24 horas do día exclusivamente en galego e funciona en galego a todos os niveis, tanto interno como cara ao público. O xurado valorou especialmente de Nós Televisión a “aposta por formatos actuais e comunicación dixital” así como “a capacidade da canle para achegar novos públicos ao idioma a través da innovación continua”. Un recoñecemento que recolleron a produtora executiva de Nós Televisión, Rosabel Candal, e o xornalista e presentador do videopodcast que estreamos este outono, Luís Pardo.

A Grileira, premiada polo uso continuado do galego

Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, o Premio Manuel Beiras 2025 foi para A Grileira, tenda especializada en instrumentos musicais tradicionais, que representa un exemplo consolidado de compromiso real e efectivo co uso do galego no sector comercial. Na súa decisión, o xurado tivo en conta ser un exemplo de “continuidade histórica, xeración tras xeración”, de uso do galego en todos os seus procesos. Tamén valorou “a súa contribución á preservación do patrimonio musical galego a través da artesanía e da atención profesional”.

Aqueladas, nova incorporación

Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu en Aqueladas, cooperativa que se dedica  á produción audiovisual en diferentes formatos dixitais. Na súa decisión, o xurado tivo en conta a “creatividade, responsabilidade social e aposta decidida por unha comunicación en galego moderna e de calidade” cos que Aqueladas contribúe a fortalecer o sector empresa e, por extensión, todos aqueles en que enfoca o seu traballo, como o socio-educativo.

O xurado

O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado este ano por Manuel Rial Amado, membro do Pleno da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que o presidiu;  Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Lingua; Gumersindo Feijoo Costa, da Universidade de Santiago de Compostela; Ramón Paz González, en nome do Colexio de Xornalistas de Galicia; Yolanda Pérez Rivera, da Unión de Consumidores de Galicia; Lourenzo Fernández Prieto, da Real Academia Galega; Xabier Fontaíña Falque, de Toxo Telecom, Premio Manuel Beiras á nova incorporación ao uso do galego 2024; Laura Insausti Diz, de Ela Diz, Premio Manuel Beiras ao uso continuado da lingua 2024; e Darío Capelo Arán, de Chichalovers, Premio Manuel Beiras á innovación no uso da lingua galega 2024.

‘O galego é o punto’

Neste 2025, as accións publicitarias da XXVI edición dos Premios Manuel Beiras convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio xiraron arredor do lema ‘O galego é o punto‘. Con este elemento visual e simbólico e moi empregado en anteriores edicións, pretendeuse lembrar que a lingua achega ese punto de confianza que precisan os negocios, o punto de conexión e de valor engadido que demanda a clientela.

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio manteñen desde o ano 2000 un acordo de colaboración para convocar cada ano os Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación. O nome fai lembranza dun comerciante compostelán comprometido con Galicia, coa cultura e coa lingua galega que, ademais, foi membro dos plenos das dúas institucións convocantes.

Normalización lingüística no ámbito socioeconómico

Ao longo das edicións anteriores galardoáronse empresas dos máis diversos sectores e tamén se recoñeceu a achega de persoas e entidades que contribuíron dalgún xeito á normalización da lingua no ámbito socioeconómico. Na edición 2019, os Premios chegaron ao Teatro Principal para celebrar o seu vixésimo aniversario cunha gala onde se fixo memoria dunha xa asentada traxectoria e iniciaron unha etapa nova con máis presenza social, que lles outorga tamén maior valoración pública ás empresas que posúen o galardón.

Tendo en conta que a sociedade compostelá valora e demanda un maior uso da nosa lingua propia, as empresas de calquera sector e de calquera tamaño están chamadas a empregaren o galego na súa comunicación cotiá e tamén a aproveitala como recurso identitario e publicitario. O Concello e a Cámara abren cada ano a través destes premios unha ventá pola que aumentar a visibilidade daquelas que contan coa nosa lingua e recoñecen tanto as que manteñen o seu compromiso co galego ao longo do tempo como as que se sumaron máis recentemente e as que engaden un plus de orixinalidade ou innovación á súa comunicación.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego