“Polo seu labor decidido, coherente e comprometido a prol da normalización lingüística no eido empresarial”. Con estas palabras, o xurado do Premio Lingua e Empresa 2023 que convoca o Concello de Ames decidía por unanimidade outorgar o galardón a Nós Televisión na categoria de uso consolidado da lingua.
Nós Televisión, Premio Lingua e Empresa
O xurado tamén destacou “a coherencia desta proposta, tanto nos usos lingüísticos internos como nas súas redes e na propia programación, con contidos integramente en galego e con espazos centrados tamen na normalización lingüística en diferentes ámbitos sociais”.
Por outra banda, salientan que sexa “a única canle audiovisual xurdida da iniciativa privada que fai unha aposta decidida por comunicar todo o seu contido integramente na lingua propia do país e por darlle voz a diferentes iniciativas e colectivos que traballan a prol da lingua”. “Nós Televisión xa ten oco propio na ampla oferta audiovisual que chega aos fogares galegos con contidos de calidade centrados no país e ten potencialidades abondas para seguir medrando e consolidarse como unha canle de referencia no ámbito audiovisual”.
O Transistor, “o galego como elemento de marca”
Na categoría de nova incorporación ou creación, o xurado destacou o labor do Transistor, unha vermutería onde se pode escoitar música ao vivo na vila amiense de Bertamiráns. O xurado destaca que conseguen facer do galego un “elemento de marca” que nos seus dous anos de vida se converteu “nun espazo de referencia tanto de ocio urbano como no ámbito da divulgación cultural aproveitando sempre as potencialidades que lle achega o uso da lingua galega”.
Quen formou parte do xurado?
O xurado desta edición está formado por Xisela Delgado Caseiro, de SOMA, Centro de Terapia Integral, como representante das empresas gañadoras na pasada edición de 2022; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; Olalla Alvite del Rio, da asociación de empresarios Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), como representante do asociacionismo empresarial; e Fátima Souto Muñiz, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista no proceso de Normalización Lingüística.