O Museo Estrella Galicia acolleu o pasado luns a xuntanza de finalistas dos XXII Mestre Mateo, a antesala da gala de entrega de premios que se celebrará na Coruña o vindeiro 23 de marzo e na que participará Nós Televisión, finalista á mellor serie web con ‘Nosoutras, as mulleres da revista Nós’.
A xuntanza iniciouse coa tradicional foto de familia das finalistas na sala de caldeiras do museo e un cóctel por cortesía de Estrella Galicia antes de que foran anunciados os premios especiais da XXII edición dos Mestre Mateo, que recaeron nas longametraxes ¡Salta! e O corno e as series Bechos e Rapa.
Xuntanza de finalistas
No acto estiveron presentes Gonzalo Castro, concelleiro de fomento e promoción da cidade do Concello da Coruña; Rosa Ana García López, responsable das áreas de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña; Avia Veira González, deputada provincial da Deputación da Coruña e Xaime Arias, director do departamento de proxección social de TVG, quen acompañaron a Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual e Saamira Ganay, membro da xunta directiva, e a representantes das entidades patrocinadoras dos premios.
Premios especiais
Sergio Martinez-Aoiz e Jesús Boujo, do departamento de márketing e patrocinios de ABANCA foron as persoas encargadas de entregar o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade á serie Rapa “por ser unha serie pioneira en España ao acadar o certificado ISO 14067:2018 que ratifica a estratexia de reducción do impacto ambiental en todo o ciclo da produción. Por converterse nunha referencia para produtoras e profesionais de dentro e fora de Galicia.”
A segunda temporada de Rapa, producida por Portocabo e emitida en Movistar+ foi a primeira produción audiovisual de ficción en acadar o ISO 14067:2018 que certifica a súa sostibilidade. Desde a gravación da segunda temporada, pola que é finalista na categoría de Mellor serie nos XXII Mestre Mateo, a produtora implementou un plan para reducir o impacto ambiental da produción, diminuindo as emisións de CO2, o consumo de enerxía e a xeración de residuos.
O Premio Deleite á promoción da lingua para foi para a serie Bechos: “pola necesidade de que existan produtos audiovisuais de calidade e e en lingua galega dirixidas a público infantil, axudando a que se familiaricen co idioma desde idades temperás, facilitando o proceso de aprendizaxe e promovendo o seu uso cotiá.”
Bechos é unha serie de animación en galego producida por Undodez para a TVG, composta por pílulas de 5 minutos de duración e dirixida a primeiros espectadores. Conta as aventuras de catro animaliños: Xurxo, Xiana, Catuxa e Margarida e este ano é finalista na categoría de Mellor serie web.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou o Premio Galicia Calidade á promoción exterior, que recaeu na longametraxe O Corno: “por amosar o noso talento en festivais de todo o mundo e converter á súa directora na primeira española en gañar a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián cun filme rodado en Galicia e en galego.”
A película finalista na categoría de Mellor longametraxe nos Mestre Mateo foi seleccionada nunha ducia de festivais, entre os que cómpre destacar o TIFF de Toronto, o BFF de Londres ou os festivais internacionais de Busán e Toquio. Janet Novás recibiu o Goya á mellor actriz revelación polo seu papel no filme.
Lucía López, responsable de comunicación de Cafés Candelas anunciou o Premio Cafés Candelas á produción máis inspiradora para o filme ¡Salta! “por ser unha exitosa historia dirixida a público familiar, que demostra que en Galicia se poden producir filmes de ciencia ficción que ofrecen unha perspectiva única dentro do xénero, fomentan o interese pola ciencia e a investigación e estimulan a imaxinación de espectadoras e espectadores.”
Dirixida por Olga Osorio e producida por Vaca Films, esta comedia familiar de ciencia ficción é finalista na categoría de Mellor longametraxe nesta XXII edición cunha historia sobre viaxes no tempo que se desenvolve no verán de 1989. Óscar e Teo son dous irmáns moi diferentes que viven nun piso de barrio: Teo e argalleiro e gústalle o fútbol, Óscar prefire pasar as tardes estudando a teoría da relatividade.
O acto finalizou coa entrega aos finalistas dunha bolsa de agasallos por cortesía de Galicia Calidade.