Cal é a situación actual da cultura galega, da economía ou do territorio? Que desafíos ten o noso país para o futuro inmediato? A estas e outras preguntas relacionadas intentará dar resposta Nós Televisión nos vindeiros días, a través da publicación dunha serie de conversas que foron gravadas esta semana na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
As conversas verán a luz durante os próximos quince días, coincidindo coa campaña electoral dos comicios galegos do 18 de febreiro, e nelas analizarase como é a realidade a día de hoxe no eido cultural e que medidas se poderían acometer para mellorar a situación do sector; os avances que se teñen producido nos últimos anos na economía galega e os principais retos a afrontar neste eido; e como ten mudado Galiza e cales son as cuestións que deberían cambiar desde o punto de vista territorial, da vivenda, do turismo e das infraestruturas.
A conversa cultural estará protagonizada pola novelista e crítica Inma López Silva e o escritor e guionista Diego Ameixeiras; a conversa económica é entre os profesor Miguel Anxo Bastos e o economista e presidente da Fundación Juana de Vega Enrique Sáez; e a conversa sobre territorio protagonízana o licenciado en Filosofía e ensaista Antón Baamonde e o historiador e membro da Real Academia Galega, Lourenzo Fernández Prieto.
As conversas poderán verse na canle de youtube de Nós Televisión, no 119 de R e no servizo baixo demanda de Movistar Plus+.