Nós Televisión estrea hoxe ‘Maridos e sodomitas’ ás 21 horas na web, na canle de youtube, R e Movistar+

Por vez primeira, un documental aborda a historia da homosexualidade entre homes no Reino da Galiza medieval. Trátase de ‘Maridos e sodomitas, os casamentos de home no Reino da Galiza medieval‘, un filme documental elaborado por Nós Televisión, documentado e presentado por Carlos Callón, filólogo, investigador e autor da obra ‘Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media‘ que brevemente lanzará ‘Vidas e historias LGBT da Idade Media‘, e producido pola Deputación da Coruña.

Presentación do documental na Coruña

A Deputación da Coruña acolleu este mércores a presentación de ‘Maridos e sodomitas, os casamentos de home no reino da Galiza medieval’. A deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra, enmarcou esta peza “dentro da programación de actividades polo Día do Orgullo, que desenvolvemos durante todo o ano”. E, salientou que, con ela, “recuperamos a historia da homosexualidade na Idade Media, cun documental único en Europa”.

“A realidade galega no medievo amósanos que os casamentos e as relacións afectivas entre homes estaban máis normalizadas do que podíamos pensar”, engadiu a deputada sobre un documental “que imos presentar máis adiante en diferentes puntos da provincia, para divulgar a nosa historia e identidade”.

A produtora executiva de Nós Televisión e do documental, Rosabel Candal, agradeceulle á Deputación “a confianza” para “abordar por primeira vez a historia da homosexualidade no Reino Medieval en galego”. Un fito que representa “un paso máis en positivo no coñecemento da memoria tanto da diversidade sexual como do propio pobo galego”. A produtora afirmou que “a homofobia non existía do mesmo xeito que na actualidade, pois hai unha serie de pegadas que dan conta de que as relacións entre homes estaban máis normalizadas do que nos pode parecer” e anima a “formar parte desta viaxe con moitas espertas que nos axudarán a entender o noso pasado sen a presenza de mitos e prexuízos que o deturpen”.

O guionista e presentador do documental, Carlos Callón sumouse ao agradecemento á entidade provincial para a elaboración dunha peza “que nace de dúas sensibilidades: rescatar a historia do país e a da diversidade”. Trátase, apuntou, “dun traballo colectivo que, dende mañá, pasará a ser de todas e de todos, que trata de recuperar a memoria esquecida, aquilo que está nos documentos pero que non se ve”. Neste sentido, Callón sinalou que “a nosa riqueza documental é inmensa e debemos divulgala”. Ese é, precisamente, o obxectivo deste audiovisual, “o primeiro europeo que fala das unións entre homes na Idade Media”, que contribuirá a “desarmarizar a historia” a través dun percorrido con “auténticos eruditos que nos amosan que outros tipos de masculinidades xa existían no medievo”. E, conclúe dicindo que o documental representa “unha loita pola verdade histórica”.

A historia da homosexualidade entre homes en Galiza

Cun formato road trip, viaxamos por diferentes puntos da xeografía galega para dar a coñecer algúns fitos, documentación e monumentos da nosa historia, que serven para derrubar mitos existentes arredor das relacións entre un mesmo sexo e que certifican que até finais da Idade Media, a homofobia non existiu coa forma e forza hexemónica que lle vinculamos hoxe en día.

Lugares e documentos únicos na península

O documento máis antigo da península ibérica que recolle un casamento entre homes atópase en Galiza, recollido no Tombo de Celanova, con data do 16 de abril de 1061, referido a un casamento que tivo lugar na parroquia de Santa María de Ordes de Rairiz de Veiga.

No Centro Arqueolóxico de Neixón podemos ver unha pedra atopada nunha finca desde municipio de Boiro, no lugar da Igrexa, en Taragoña, unha lápida da época romana, cunha inscrición que honra a dous amantes homes, Urso e Rufino.

Tamén no século XV atopamos representadas as relacións homosexuais, neste caso en dúas figuras entrelazadas no sepulcro do bispo Xoán Fernández de Soutomaior II situado na catedral de Tui.

Persoal experto que participa no filme

Nesta viaxe, Carlos Callón atópase rodeado de expertas e expertos en cadansúa materia como por exemplo é o arqueólogo Xurxo Ayán; ao historiador do Reino de Galiza, Francisco Rodríguez; ao historiador medievalista Xosé Miguel Andrade, editor do Tombo de Celanova; e a Marta Cendón, historiadora da arte e estudosa da representación de esculturas funerarias.

Música orixinal polo Projecto Mourente

O filme documental conta coa música orixinal do Projecto Mourente, a cargo de Carlos Valcárcel que reinterpreta unha das cantigas medievais que narran o amor entre homes.

Estrea en Nós Televisión

O documental estrearase este xoves, 3 de xullo, ás 21:00 horas, no youtube de Cultura da Deputación da Coruña e de Nós Televisión. Tamén poderá verse na canle 119 de R e na plataforma Movistar Plus+ en todo o Estado español.

De salientar é ademais que o ano que vén está prevista a publicación dun novo título de Carlos Callón que resume os resultados das súas investigacións en todo este tempo sobre a cuestión: Vidas e historias LGBT da Idade Media (Edicións Xerais).

Con este traballo, Nós Televisión continúa a senda comezada hai máis de 10 anos, de aposta por un audiovisual de calidade, en galego e centrado na nosa cultura e na nosa historia. Maridos e sodomitas súmase á lista de documentais e reportaxes feitos por Nós Televisión nos últimos meses, e que levaron a seren finalistas aos Premios Mestre Mateo no 2024 na categoría Mellor Serie Web coa serie Nosoutras, as mulleres da Revista nós; e a ser o medio de comunicación privado galego con máis persoas subscritas na canle de youtube.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego