Nós Televisión estrea este próximo sábado, 23 de novembro, o programa Os trazos de Risco. Trátase dunha serie de conversas, formada por 5 capítulos, para conmemorar o 140 aniversario do nacemento de Vicente Risco, que se cumpriu este ano. A serie, gravada integramente no Teatro Principal de Ourense, está producida e realizada por Nós Televisión, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e da Área de Cultura da Deputación de Ourense.
Ao longo dos cinco capítulos, diferentes persoas que teñen relación con Risco ou investigaron algunha faceta da súa figura e estudaron a súa obra e a súa vida, van dándonos a coñecer aspectos máis e menos sabidos do que foi o gran teórico do galeguismo, nunha intención de revisitar o seu legado desde diferentes perspectivas para configurar un novo material didáctico que poña en valor e redescubra a este autor e toda a súa obra, pensamento e curiosidades.
O primeiro capítulo que se poderá ver a partir deste sábado na canle de youtube de Nós Televisión está protagonizado polas investigadoras Patricia Arias Chachero e Iria-Friné Rivera Vázquez, e aborda a figura de Vicente Risco desde o punto de vista das Artes.
A partir de aquí e até finais de ano, cada sábado terá lugar a estrea dun novo capítulo do programa, polo cal pasarán tamén Bieito Iglesias e Serxio María Rodríguez Álvarez, Isabel Risco e Luís Martínez Risco, Castro Castro Vicente e Afonso Vázquez-Monxardín, e Valentín García e Celia Pereira.
Todo o programa poderá verse tamén nas próximas semanas na canle 119 de R e no servizo de contidos baixo demanda de Movistar Plus+ en todo o Estado español.