Nós Televisión estrea ‘Irmás na Fala’, a serie sobre as mulleres das Irmandades

As mulleres das Irmandades da Fala contan desde hoxe cunha serie documental. Trátase de ‘Irmás na Fala‘, un traballo audiovisual realizado por Nós Televisión coa produción da Real Academia Galega e o apoio económico do Concello da Coruña. A serie aborda en catro capítulos a historia das arredor de 200 irmandiñas que desde 1916 pularon pola lingua e cultura galega.

Irmás na Fala estreará esta noite o seu primeiro capítulo na canle de youtube de Nós Televisión e da Real Academia Galega. Deste xeito, cada martes, e ata o vindeiro 28 de novembro, presentarase un novo episodio. A serie pode verse desde xa tamén no servizo de contidos baixo demanda de Movistar Plus+ en todo o Estado español.

Presentación de Irmás na Fala

Na rolda de prensa de presentación de serie, que tivo lugar hoxe pola mañá na Coruña, participaron a secretaria da Real Academia Galega, Margarita Ledo; a presentadora de Irmás na Fala e poeta, Rosalía Fernández Rial; e por parte de Nós Televisión, a productora e co-guionista da serie, Ana Viqueira, quen destacou o “orgullo de ter realizado Irmás na Fala, unha serie documental que visibiliza non só ás mulleres das Irmandades na Fala como tal, senón tamén as súas ideas, os seus proxectos e o seu compromiso coa lingua e cultura do país”.

As protagonistas

A narración de Irmás na Fala enlíñase a través das biografías de cinco figuras destacadas do movemento: Micaela Chao Maciñeira, a “irmá pioneira”; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.

A serie conta coa participación da historiadora Encarna Otero, o historiador Xosé Alfeirán, as académicas correspondentes Ana Romero Masiá e Goretti Sanmartín; a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo; os filólogos Emilio Xosé Ínsua e Dolores Vilavedra; o deseñador Pepe Barro; a actriz Iria Pinheiro Santos, creadora da obra Miss Docet; e Felipe Ruíz de Miguel, sobriño neto de María Miramontes e o seu home, o editor de Nós e rexedor republicano de Santiago de Compostela Ánxel Casal.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego