Sesenta anos despois da súa publicación, ‘Memorias dun neno labrego‘ segue a ser a obra máis editada e traducida da nosa literatura. Por que é tan especial este libro de Xosé Neira Vilas? Que segredos e verdades habitan entre as súas páxinas? Continúa presente a forza da lingua, do rural e da infancia?
Para dar resposta a estas preguntas, a equipa de Nós Televisión botouse á estrada para elaborar unha viaxe con paradas na infancia labrega a través dunha escola do rural, na efervescencia editorial galega e na imprescindíbel forza da nosa cultura e da nosa lingua. Froito desa viaxe nace a reportaxe ‘Eu son Balbino! 60 anos de Memorias dun neno labrego‘ que se estreará en Nós Televisión este sábado ás 12 horas a través da canle de youtube.
‘Memorias dun neno labrego’, moito máis que un libro
Neira Vilas condensa neste libro dedicado ás nenas e aos nenos que falan galego, a realidade rural do noso país como ninguén o fixera ata entón…e faino a través da mirada dun neno labrego, de Balbino, un neno pobre que bate coa inxustiza, a pobreza, a emigración… “Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo. Vexo sombras e luces, nubeiros que viaxan, lume, árbores […] Ninguén me di para que serven as estrelas nin onde morren os paxaros…”. Acompáñasnos na nosa viaxe a través dos 60 anos de ‘Memorias dun neno labrego’?
Esta reportaxe foi posíbel grazas á axuda recibida por parte do Colexio O Foxo da Estrada, a Fundación Neira Vilas, a Editorial Galaxia e a Secretaria Xeral de Política Lingüística a quen lles agradecemos o tempo, o esforzo e a ilusión posta nesta peza audiovisual.