Mamá futbolista quero ser: Irene G. Basanta, a primeira futbolista profesional

Irene González Basanta está considerada a primeira muller que cobrou por xogar ao fútbol en todo o Estado español. A súa historia transcorre na cidade da Coruña na década de 1920 con momentos ben reseñables como a exposición da súa foto na Rúa Real ou a fundación do seu propio clube, o Irene CF, co que percorrerá Galicia.

Nós Televisión recolle a súa historia nun documental no que tamén se aborda ese vínculo de vangarda entre a cidade da Coruña, as mulleres e o balompé. A peza audiovisual reúne voces como a do sobriño-neto da propia Irene, Fernando del Moral Regaldie; a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña e coordinadora da obra ‘Pioneiras do deporte en Galicia’, Cristina López Villar; os biógrafos de Irene González a través da obra ‘Irene y las puertas del fútbol’, José Luis Cudeiro e Rubén Ventureira; a directora do portal web As Nosas, Silvia Carregal; a ex xogadora do Karbo e adestradora do Victoria-Teixeiro, Pilar Neira e o historiador e articulista, Xosé Alfeirán.

Mamá futbolista quero ser‘ conta coa aparición especial das integrantes do Victoria C.F. nas categorías de alevín, infantil, cadete, Feminino A e B xunto coa adestradora Isabel Vázquez.

O documental sobre Irene González Basanta conta co apoio do Concello da Coruña.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego