Coincidindo coa celebración do Ano Castelao no 2025, Nós Televisión estreou a serie CASTELAO EN LUGO, unha produción de 4 vídeos, realizada pola propia Nós Televisión, un espazo de difusión da relación de Castelao coa provincia de Lugo financiado pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A serie estréase cun primeiro capítulo centrado na participación de Castelao na I Asemblea Nacionalista Galega, que tivo lugar os días 17 e 18 de novembro de 1918 na cidade das Murallas.
A serie está presentada pola actriz lucense Carmen Méndez, que percorre os diferentes lugares da provincia que foron significativos na vida de Castelao, e conta coa participación de persoas expertas na figura, obra e política de Castelao como son Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; Pilar García Negro, escritora e profesora universitaria; Carmen Blanco García, escritora e profesora universitaria; Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, historiador e profesor universitario; Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; e Manuel Rei Romeu, escritor e investigador.
A este primeiro capítulo que se estrea xa sobre a I Asemblea Nacionalista Galega seguiranlle outros tres episodios, que abordan a partipación de Castelao na IV Asemblea Nacionalista que tivo lugar febreiro de 1922 en Monforte de Lemos, a homenaxe galega que recibiu Castelao na cidade de Lugo en 1932 con parada previa en Nadela, e a participación de Castelao en 1936 nos actos a favor do Estatuto galego, con especial parada nun mitin multitudinario que ofreceu en Chantada.
Todos os capítulos serán estreados de aquí a finais de ano, tanto en aberto para todos os públicos na canle de youtube de Nós Televisión, como na canle 9 de R, e na plataforma Movistar Plus+.



