Nós Televisión emitirá década a década o documentario ‘1981, Ano zero da língua galega’

Nós Televisión emitirá na súa canle de YouTube o documental ‘1981, Ano zero da língua galega‘ da Associaçom Galega da Língua (AGAL) que analiza as catro décadas de oficialidade do galego. Este sábado abordaremos a década dos anos 80 marcada pola aprobación do Estatuto de Autonomía, a escolla da normativa oficial do galego e a organización do movemento reintegracionista. Como se desenvolven estes acontecementos? Por que fracasou a comisión presidida por Carvalho Calero? Como o recibiu o galeguismo?

Para emprender esta viaxe polo tempo, contaremos coas voces de José Luís Rodríguez, Martinho Montero, María Xosé Queizán, Elvira Souto, Víctor Freixanes, Tiago Andelo e Ramón Villares. 

Documentario

1981, Ano zero da língua galega‘ aborda os 40 anos de oficialidade do galego da man de Nee Barros que nos acompaña a través do paso das décadas e da amplitude de voces de quen compuxo e compón o camiño do noso idioma. O documentario, realizado por Nós Televisión para a Associaçom Galega da Língua (AGAL), contou coa axuda da Deputación da Coruña.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego