Nós Televisión celebra o seu décimo aniversario neste 2023!

O ano 2013 iniciouse cunha nova televisión no panorama audiovisual galego. Nós Televisión comezaba o seu camiñar e hoxe, dez anos despois, continúa sendo a única televisión privada que emite programación en galego de forma ininterrompida. Ao longo destes anos, o proxecto televisivo consolidou a súa aposta pola lingua e cultura galegas a través da realización de documentarios, entrevistas, reportaxes e programas que colocan a Galicia no centro.

Sementando futuro!

Baixo o lema ‘sementando futuro!‘, Nós Televisión conmemora os seus primeiros dez anos. Este compromiso co país, o idioma e a cultura foi recoñecido no 2020 co Premio Rosalía de Lingua outorgado pola Deputación da Coruña. Esta esencia característica de Nós Televisión forma parte da celebración da primeira década na que dedicará agasallos ás persoas subscritas ao medio. Os obsequios xirarán arredor do movemento lingüístico e cultural: desde entradas para asistir a un dos concertos máis ansiados do país ata á obra de teatro que preside a carteleira.

Novidades neste 2023

Os agasallos culturais serán só unha das novidades que chegarán ao longo deste ano 2023. Nós Televisión busca achegarse ás persoas que seguen o medio de comunicación construíndo novas canles de comunicación e, ao mesmo tempo, continuará a fornecer o audiovisual galego con novos contidos que combinarán o potencial cultural coa memoria como pobo e o dinámico coa rigorosidade.

O galego chega ao teu fogar

Con 11.500 subscritoras, Nós Televisión é o medio de comunicación galego privado máis seguido no Youtube. Tamén ten a honra de dispor dunha rede de seguidoras e seguidores que van máis aló das fronteiras tecendo unha comunidade arredor da lusofonía a través desta rede social na que supera o millón de reproducións.

Nós Televisión aposta polos contidos propios e o impulso das iniciativas audiovisuais en galego que son emitidas de forma ininterrompida as 24 horas no dial 119 de R. Deste xeito, a nosa lingua entra en máis de 170.000 fogares todos os días. A nosa televisión é hoxe un referente na aposta pola lingua galega e unha divulgación cultural accesible para todas as persoas. Por máis anos sementando futuro!

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego