O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza un ano máis os Premios Lingua e Empresa, que promoven o uso da lingua galega no ámbito empresarial local. Nesta ocasión, incrementouse en sete o número de empresas participantes con respecto á edición anterior. Deste xeito, nesta edición presentáronse 33 empresas, mentres que na edición de 2022 foron 26 entidades as que concorreron aos ditos Premios. As empresas gañadoras desta edición daranse a coñecer na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro o xoves, 9 de novembro, ás 20.30h. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal. Nós Televisión preséntase na categoría de uso consolidado e estable do galego.
O xurado desta edición está formado por Xisela Delgado Caseiro, de SOMA, Centro de Terapia Integral, como representante das empresas gañadoras na pasada edición de 2022; Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en nome dos consumidores e consumidoras; Olalla Alvite del Rio, da asociación de empresarios Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), como representante do asociacionismo empresarial; e Fátima Souto Muñiz, graduada en Lingua e Literatura Galega e especialista no proceso de Normalización Lingüística.
A gala de entrega de premios, aberta ao público, estará amenizada por Manolo Maseda e Xurxo Souto.