Nós Televisión, a única canle de televisión divulgativa centrada en cultura e lingua galega que emite de forma ininterrumpida as 24 horas do día para toda a Comunidade, até o de agora a través da plataforma R, acaba de asinar un acordo para ampliar a súa difusión. En concreto, chegou a un acordo para entrar en +Media e ser un dos canais que distribúe esta plataforma, de forma que desde xa, Nós Televisión emítese non só a través de R, senón tamén a través das principais operadoras galegas de telefonía que ofrecen servizo de televisión. Así por exemplo, todos os clientes de ToxoTelecom, A Túa Xanela, Pizpireta Telecom, Juifi, Rural Galego Conectado ou Gigalia poden ver xa tamén Nós Televisión. Con este paso, Nós Televisión aposta por mellorar a súa accesibilidade no panorama televisivo, entrando a cada paso en máis fogares e da man sempre de empresas con sentimento galego como sinal de identidade.
10 anos de compromiso e sementando televisión galega de futuro
Con este acordo, Nós Televisión pretende seguir a avanzar na súa visibilidade, precisamente neste ano 2023, cando cumpre 10 anos de vida, sendo un medio de comunicación totalmente independente e formado unicamente por profesionais do xornalismo e da comunicación audiovisual. Neste sentido, nos próximos meses, o seu obxectivo é continuar as liñas de negociación con outras compañías e seguir abríndose a outras plataformas que lle permitan que cada vez máis xente poida ver os contidos de calidade de Nós Televisión desde calquera lugar.
A canle de televisión presume de ser actualmente o medio de comunicación privado galego con máis persoas subscritas á súa canle de youtube (supernado xa as 12.000) e entre os seus programas ‘estrela’ destacan o Galego de todo o mundo, presentado por Eduardo Maragoto sobre lingua galega e portuguesa; o Universo Galaxia sobre literatura; o GZMúsica, único programa sobre música galega que hai no panorama televisivo da Comunidade; multitude de documentais e reportaxes sobre personaxes históricos galegos, patrimonio, cultura, lingua ou educación, con especial atención sempre ao papel das mulleres na historia; e varios programas de entrevistas, como por exemplo o Rostros do país, no que a través de conversas pausadas e en profundidade se debulla a traxectoria de vida e profesional de personaxes referentes en Galicia nos diferentes sectores.