Nordesía celebra tres décadas como ponte entre a cultura galega e o mundo

Hai trinta anos o panorama cultural galego era un sector aínda sen profesionalizar e sen unha proxección internacional definida. En 1996 nacía Nordesía Produccións, da man de Vítor Belho e Paco de Pin, co obxectivo de transformar esa realidade e converter a Galicia nunha “célula de universalidade” onde tradición e modernidade converxeran.

Tres décadas despois, aquela vontade conseguiu mudar a forma de entender e facer cultura no noso territorio. Nordesía non só foi pioneira na profesionalización da actividade cultural galega, tamén na súa aposta pola sinerxia entre o talento local e o doutros territorios.

Para celebrar esta travesía, a empresa organiza unha gran festa polo seu 30º aniversario o vindeiro sábado 25 de abril na Sala Capitol (20:30 h). A velada, que promete ser unha viaxe polos ritmos que marcaron a historia de Nordesía, contará co actor e humorista Carlos Blanco como mestre de cerimonias.

Unha noite chea de música e emocións

O cartel do 30o aniversario inclúe nomes imprescindibles do panorama musical como Uxía, X.M. Budiño, A Pedreira & Alejandro Vargas, Felisa Segade, Lumedoloop, Cheny Wa Gune, Marcos Coll, Dj Mil ou a Banda das Crechas. Expresso Transatlântico, a banda lisboeta que está causando sensación, será a encargada de presentar a VII edición do Festival MARÉ, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro.

Para rematar a festa, DJ Panko fará un percorrido pola música vinculada a Nordesía nestes 30 anos de traxectoria. Ademais, a cita servirá de homenaxe a Fran Pérez ‘Narf’, cuxo legado segue a estar presente na cultura galega.

Raíces galegas e alma global

Con máis de 4000 concertos as súas costas, Nordesía levou a música galega polo mundo da man de grandes artistas da nosa terra como Uxía, Narf, Baiuca, X.M Budiño ou Mercedes Peón, entre moitos outros. Pero o seu impacto vai moito máis alá das nosas fronteiras, como así o demostran a organización de concertos de artistas internacionais da talla de Patti Smith, Manu Chao, Cesária Évora, Rubén Blades ou Ryuichi Sakamoto, establecendo un diálogo permanente entre o local e o global.

Durante a súa traxectoria, Nordesía levou a cabo a realización de numerosos eventos e festivais coa vontade de ofrecer experiencias que transformen os acontecementos culturais en recordos memorables. Na actualidade, o equipo lidera proxectos de vangarda como o Festival MARÉ, o Fisterra Blues Experience, o Tradfest ou Ari(t)mar.

Ademais, cabe destacar que Nordesía foi a responsable de organizar catro edicións do WOMEX (a feira de músicas do mundo máis importante que existe) en Santiago (2014 e 2016), en Las Palmas de Gran Canaria (2018) e na Coruña (2023).

As entradas para a gala do 30o aniversario están dispoñibles en: https://salacapitol.entradas.plus/

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego