Nerea Pallares Villar recolle o Premio García Barros 2025

Punto de araña‘ é a novela coa que a autora Nerea Pallares Villar foi recoñecida como gañadora do XXXVII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) que se lle entregou durante un acto celebrado no Teatro Principal do concello da Estrada o pasado venres.

“Refrescante, poderosa, pousada e brillante”

O xurado, que estivo composto por Noelia Gómez Calvo, Eulalia Agrelo Costas, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, este último exercendo como secretario, define esta novela como unha proposta literaria  “refrescante, poderosa, pousada e brillante”.

No concreto, definen a obra coma “unha novela coral ambientada en Camariñas, na Costa da Morte, que entrelaza realismo social, memoria colectiva e elementos mitolóxicos para relatar a rebelión das mulleres dun pobo mariñeiro” que ten como pano de fondo o mito de Aracné.

Nerea Pallares

Nerea Pallares naceu en Lugo no ano 1989 e actualmente traballa en Madrid. Ademais de novelista, é graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela.

Ten un Mestrado en Literatura Comparada na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e foi bolseira na Fundación Antonio Gala. Ten xa dous libros publicados en castelán. Un deles é un libro de relatos, Los ritos mudos (2021) e o outro leva por título Sidecar (2015).

Ten tamén presenza importante en revistas culturais e literarias que son referentes en Galicia e no resto do Estado, dende Dorna a Granta.

Na novela gañadora da presente edición do Premio Manuel García Barros faise unha importante reivindicación do poder feminino e do papel da muller na sociedade, “dende as meigas ata as tiktokers”, detallaron os compoñentes do xurado. Afondaron en que ofrece ao lector un xogo interxeracional entre o pasado e o presente.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego