O sábado 11 de decembro estréase Referentes no 119 de R, a serie de conversas entre figuras da cultura galega impulsadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. O programa, que consta de seis capítulos, chegará puntual cada sábado ás 21:00 horas até o día 15 de xaneiro.
A xornalista Marga Pazos é a condutora deste formato que xa foi emitido nas redes sociais da Deputación da Coruña. Unha idea audiovisual que buscaba “recuperar o pracer do diálogo entre figuras da nosa cultura con diferentes perfís e intereses”, tal e como afirmaban na web do organismo provincial.
Novos mundos
No momento de estrearse esta iniciativa, Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación coruñesa, aseguraba que o obxectivo que se perseguía era o de “imaxinar novos mundos desde o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador” da realidade galega.
Referentes é un programa que segue tendo vixencia e que coloca á cultura como un elemento fundamental da sociedade e un dereito para toda a cidadanía.
Referentes
A artista multidisciplinar Mercedes Peón e a chef Lucía Freitas son as encargadas de comezar as conversas o sábado 11 de decembro. A escritora Berta Dávila e o cineasta e guionista Alfonso Zarauza han ser os seguintes convidados, o día 18 do mesmo mes. O seguinte sábado, a cantante Fátima Pego e o escritor Manolo Rivas continuarán estes diálogos. A noite do primeiro día do ano será o momento da actriz Melania Cruz e a artesá zoqueira Elena Ferro. O sábado 8 de xaneiro, tomarán o relevo a cantante Camille Hedouin (Mounqup) e o comunicador X. Manuel Piñeiro (Superpiñeiro). Encargaranse de finalizar o programa o escritor Suso de Toro e o intelectual David Rodríguez, o sábado día 15.