Nace o I Premio de Novela Histórica Dona Urraca, o único deste xénero en Galicia

Arranca o I Premio de Novela Histórica Dona Urraca, o único premio literario deste xénero literario en Galicia que nace da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Editorial Guiverny. A presidenta da institución Carmela Silva, acompañada por Belén Fortes, directora da editorial, e a deputada de Cultura e Igualdade, Vicky Alonso, presentaron esta primeira convocatoria do certame que está dotado de 6.000 € e valorará a ambientación da trama na provincia e a visibilización do papel das mulleres na historia. “É fundamental crear conciencia da nosa orixe e analizar acontecementos relevantes da nosa historia”, remarcou a presidenta provincial Carmela Silva.

Quen está no xurado?

O xurado do I Premio de Novela Histórica Dona Urraca está composto pola escritora Teresa Moure como presidenta, polo escritor Xosé Ramón Pena en calidade de secretario, e as escritoras Belén Fortes, Inma López Silva e Arantza Portabales maila traballadora do servizo de Cultura da Deputación Begoña Fernández, como vogais. Ademais da calidade da obra valorará a visibilización do papel das mulleres na historia e a ambientación de toda ou parte da trama na provincia de Pontevedra. O seu fallo farase público no segundo semestre de 2023, será inapelable e o premio poderá quedar deserto ou ser concedido ex aequo.

Como participar?

As persoas interesadas en participar, maiores de idade, teñen ata o 1 de xullo para presentar os seus textos, que poderán estar escritos en galego ou castelán, e deberán ser inéditos e non premiados. Os escritos deberán ter un mínimo de 20.000 palabras e serán de temática libre sempre que se enmarquen na novela histórica (recreación dun período histórico do pasado) ou teñan ambientación histórica (personaxes ou eventos ficticios ambientados no pasado). Os envíos das obras realizaranse preferentemente en formato dixital (USB ou CD) en Word, OpenOffice ou PDF, co texto ‘I Premio Dona Urraca de Novela histórica’, o título da obra e o lema ou pseudónimo na cuberta. Funcionará con sistema de plica, polo que nun sobre aparte –en cuxo exterior figure o título da obra e o lema– deberase anexar a documentación que figura nas bases, dispoñibles na web da Editorial Guiverny. Enviaranse á sede da editorial: Urbanización Hortensia nº 4, Os Ánxeles, 15865 Brión (A Coruña), indicando no sobre exterior: ‘I Premio de Novela Histórica Dona Urraca’.

A persoa que resulte gañadora, ademais dos 6000 € de premio, verá editada a novela e recibirá un lote de 20 exemplares. Ademais o galardón será entregado nunha gran gala que se celebrará cara a finais de ano, “un evento como só sabe organizar a Deputación de Pontevedra e que será a envexa dos Premios Planeta”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego