Nace a Asociación Pro Fundación Manoel Vello para promover e fomentar o uso do galego

A Asociación Pro Fundación Manoel Vello nace co obxectivo de impulsar “proxectos destinados a promover e fomentar o uso do galego en todos os ámbitos da sociedade”. A entidade rexistrouse o pasado 15 de setembro coincidindo co aniversario do propio Manoel Vello, nado na parroquia de Xanceda, concello de Mesía, é un histórico activista político e social co galeguismo como gran alicerce do seu pensamento.

Vello foi sacristán e membro de Irimia, concelleiro do BNG de Mesía, e un incansable defensor da nosa lingua, da reivindicación da etiquetaxe en galego, da cultura, da economía e dos medios en galego. Faleceu o 15 de decembro do 2022, aos 50 anos de idade, despois de pelexar durante 23 anos cunha grave enfermidade de ril. A súa vida e militancia protagoniza o documentario de Nós Televisión realizado por Xosé Bocixa.

A Asociación traballará para a creación dunha fundación co mesmo nome, coa finalidade de poder levar a cabo proxectos de maior alcance e chegar alí onde a administración e as restantes entidades de promoción da lingua non están presentes.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego