Fillas de Cassandra, o recoñecido dúo vigués formado por María Soa e Sara Faro, chega á Música na Almáciga de Nós Televisión. Consolidadas como un dos grandes referentes da nova escena galega, as artistas presentan neste 2026 o seu agardado segundo álbum, ‘Tertúlia’.
Neste programa, a xornalista cultural Xiana Arias tamén recibe a Xalundes, unha banda de rock emerxente en galego (formada por Dani, Nico, Martín e Javi) que vén de gañar o prestixioso Certame de Grupos Musicales da USC e que destaca pola súa enerxía directa sobre o escenario.
Música na Almáciga está gravado no Centro Xove de Creación Cultural que o Concello de Santiago ten na Almáciga, un lugar polo que pasan ducias de bandas para ensaiar, residir, intercambiar experiencias e aprender, co apoio do persoal técnico que atende o centro municipal.



