Multiplícanse as consultas á ‘Liña do Galego’ superando o medio milleiro nun ano

Máis de medio milleiro de persoas usaron no último ano o servizo da Mesa, ‘A Liña do Galego’ para realizar unha consulta sobre a lingua. En concreto, as consultas pasaron de 55 no 2021 a 536 no 2022, “o que mostra por unha banda a necesidade e consolidación do servizo, mais tamén a súa calidade”, destacan desde a entidade que defende os dereitos lingüísticos do galego. Este dato é unha das reflexións que hoxe se desprenderon a raíz da presentación do informe anual ‘A Liña do Galego’ á que asistiron Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Sara Seco, responsábel do texto; e Soledad Agra, deputada de Lingua da Deputación da Coruña.

Segundo recolle dito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do galego un total de 1048 expedientes, dos que 43 foron tramitados como parabéns, 536 como consultas e 469 como queixas. Destas queixas, o 22% están relacionadas coa deturpación da toponimia, o 20% coa rotulación e sinalización, o 17% coa imposibilidade de uso do galego na atención oral e escrita, o 21% nos servizos online e o 20% por outras discriminacións (20%).

A responsábel do informe, Sara Seco, explicou que as consultas recibidas pola Liña do Galego teñen a ver con situacións onde inicialmente se nega a persoas usuarias de servizos a posibilidade de usar e recibir atención en galego. “Unha anomalía nun país no que teoricamente a súa lingua propia é oficial, mais que contrasta coas posibilidades reais de uso”, asegurou Maceira, “e onde cada vez máis o uso se pon en cuestión invocando unha suposta obrigatoriedade de falar español”.

Obsérvase un “aumento da consciencia lingüística” e da necesidade de as administracións públicas e empresas asumiren deberes e compromisos claros coa lingua. Ademais no caso das entidades públicas, concretamente as autonómicas, asúmese que teñen unha obriga maior no uso da lingua que non cumpren, unha actitude que está detrás do feito de seren o 37% das queixas recibidas, o 51% delas dirixidas á Consellaría de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego