A equipa de Nós Televisión pretende rescatar do esquecemento colectivo as historias daquelas mulleres que axudan a entender o noso país e que, inxustamente, recibiron menos atención da que merecían.
Para esta fin de semana propómosche tres documentais nos que as protagonistas son algunhas desas mulleres. Son tres reportaxes nos que o rexurdimento, os primeiros anos do século XX e a posguerra, son contados a través do ollar de Avelina Valladares, María Miramontes e Maruxa Villanueva. Tres mulleres singulares, moi distintas entre si, mais unidas polo seu amor a Galiza.
O Rexurdimento de Avelina Valladares
A néboa envolve a Casa Grande de Vilancosta na parroquia estradense de Berres. O fogar da familia Valladares garda as pegadas da enigmática figura de Avelina Valladares, unha creadora fundamental do Rexurdimento galego da que aínda pouco sabemos. Quen foi Avelina Valladares? Por que non existe ningunha foto dela? Como rachou coas normas sociais establecidas? Cal era o seu compromiso coa lingua e o pobo galego?
María Miramontes, tecedora dun país
Modista reputada na sociedade santiaguesa, o traballo de María Miramontes foi fundamental para o sostemento económico das diversas iniciativas editoriais e culturais do galeguismo do comezos do século XX: as Irmandades da Fala, as editoriais Lar e Nós e as Escolas do Insiño Galego. Xunto a outras militantes galeguistas, Miramontes vai participar activamente da criación do Partido Galeguista e da campaña a prol do Estatuto de Galiza.
Maruxa Villanueva, unha voz para Rosalía
Viaxamos á vila de Padrón, á Casa Rosalía, para coñecer a quen foi durante moitos anos a súa cara visíbel: Maruxa Villanueva. Trátase dunha actriz, tamén dunha cantante que, como moitas outras galegas, se viu forzada a iniciar o camiño da emigración. Tentar redescubrir a historia desta muller supón encaixar as pezas dun quebracabezas formado polas impresións que foi deixando tras de si noutras persoas.