‘Mulleres en Compostela. Elas tamén contaron’ recupera a historia das mulleres da cidade

A historiadora compostelá Encarna Otero leva anos realizando roteiros literarios pola cidade de Compostela, boa parte deles reivindicando as pegadas das mulleres no tecido social e político na cidade e no país. Froito desta actividade nace ‘Mulleres en Compostela. Elas tamén contaron”, escrito pola propia Encarna Otero e con ilustracións de Luis Ruiz Padrón. A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, que financia o traballo, tamén estivo presente no acto de presentación que tivo lugar na libraría Couceiro.

O proxecto de Patito Editorial  inclúe unha web, unha exposición e un roteiro audiovisual de 19 mulleres vinculadas á cidade de Santiago. En total neste libro faise unha análise da figura de 19 mulleres cun papel destacado en distintos ámbitos da cultura, o traballo, a política… Entre elas a escritora Concepción Arenal, a directora do IES Rosalía de Castro Pura Lorenzana, a farmacéutica M.ª del Portal Panisse, a pintora Elvira Santiso ou a pianista Rosita López Comunión. O proxecto parte cun libro onde se recollen esas biografías e unha ilustración da rúa onde estas mulleres desenvolveron a súa vida. As ilustracións están realizadas en acuarela polo debuxante malagueño Luis Ruiz Padrón e todas elas poderanse ver nunha exposición no Casino de Santiago a partir do día 16 de decembro.

Ademais realizouse unha páxina web onde se presentan 19 vídeos nos que a historiadora Encarna Otero nárranos a vida destas mulleres, un traballo de máis dunha hora de duración que recrea a través de imaxes a importancia que elas tiveron na historia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego