‘Move a lingua!’ con Ortiga e Grande Amore para celebrar o Día dos Medios en Galego

Ortiga e Grande Amore porán música ao 7 de febreiro, o Día dos Medios en Galego que neste 2023 preséntase co lema ‘Move a lingua!’. A celebración terá como acto central o concerto de ambos artistas o vindeiro 9 de febreiro a partir das 20.30 horas na Sala Capitol, en Compostela.

O evento, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, será de bale. Cómpre sacar convites na Sala Capitol e en ataquilla.com a partir deste xoves ás 12.00 horas ata completar aforo.

Día dos Medios en Galego

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) conmemora desde 2018 o Día dos Medios en Galego cada 7 de febreiro, a data do aniversario da publicación de ‘O Tío Marcos d’A Portela‘, considerada a primeira publicación xornalística en lingua galega. Medio cento de medios que comunican en galego, entre eles Nós Televisión, forman parte de AMEGA. A asociación promove o uso da nosa lingua non só cara a celebración do Día dos Medios en Galego senón todo o ano favorecendo a normalización do galego, a súa promoción entre a mocidade e a súa dignificación social.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego