Montse Fajardo Pérez é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un mestrado en Dereito das Administracións e Institucións Públicas aínda que a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo. Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo e é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos. Tamén realiza colaboracións puntuais para Nós Diario, A Nova Peneira e Público.
Formou parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellaría de Patrimonio do Concello de Pontevedra entre 2013 e 2021. No seu marco participou no libro ‘Do gris ao violet’a. Achega á historia das mulleres pontevedresas co texto, ‘As que quedaron’, no que analiza a repercusión da represión franquista sobre as familias afectadas.
En solitario é a autora dos libros ‘Matriarcas. Mulleres en pé de vida’ (2012), ‘Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu’ (2015), ‘Invisibles. Relatos do maltrato’ (2017), ‘O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros’ (2018) e ‘A vida incerta, biografía de Virxinia Pereira’ (setembro, 2020).
Ademais, foi a comisaria da exposición itinerante Rexas, mulleres baixo o terror franquista, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra en 2017 e a coordinadora das Xornadas contra a impunidade que este mesmo organismo puxo en marcha en 2019 e 2020. En 2018 foi galardoada co II premio de Xornalismo Lueiro Rey polo seu artigo “O universo de Carlos” protagonizado por un neno con autismo. Na actualidade traballa na Deputación de Pontevedra como Técnica especialista en Memoria Histórica.