Mondra porá o ramo á manifestación unitaria pola lingua do 23F en Compostela

Máis de 20 entidades de Queremos Galego presentaron este xoves os pormenores da manifestación “unitaria” a favor da lingua galega que percorrerá as rúas de Compostela este domingo, día 23 de febreiro, baixo o lema Lingua Vital xa. Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, explicou que porá o ramo da marcha na praza do Obradoiro unha das revelacións da música galega contemporánea, Mondra. E pediu que a xente acuda con pandeiretas e percusión galega, para celebrar tamén a música tradicional.

A marcha sairá ás 12h da Alameda pola rúa da Senra, Praza de Galiza, Porta da Mámoa, Praza do Toural, rúa do Vilar, Praza das Praterías e Rúa de Fonseca, ata concluír na praza do Obradoiro, onde se lerá o manifesto e intervirá o portavoz de Queremos galego e presidente da Mesa, Marcos Maceira. Será nun acto conducido por Xurxo Souto que contará, tamén, coas actuacións de Carapaus e da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas interpretarán a Alborada para Rosalía.

Armas anunciou que acompañarán a marcha delegacións de Cataluña, do País Vasco e unha representación da Rede Europea pola Linguas, ONG con carácter consultivo da ONU e do Consello de Europa, con moita preocupación pola situación do galego como caso único no Estado español de lingua atacada polo seu propio goberno. A coordinadora de Queremos Galego recordou, asimesmo, que mais de 28 localidades ofrecen bus para facilitar o desprazamento a Santiago e animou as persoas interesadas a consultar a páxina web de Queremos Galego, para ver se nas súas localidades hai sitio aínda. “A marcha deste domingo é froito do traballo desenvolvido en 24 plenarios comarcais que se celebraron ao longo do país”, recordou, “e estes plenarios manterán a súa actividade”. “Galiza está viva”, afirmou, “porque a súa lingua é vital. Todos á rúa o próximo 23 de febreiro!”

O voceiro da Mesa, Marcos Maceira, salientou que a manifestación do 23F é “unha proposta clara de unidade arredor da lingua”. E recordou que existen uns “puntos mínimos compartidos por centos de entidades sociais e miles de persoas para mellorar a situación do galego”: calendario para o cumprimento e avaliación do PXNLG, cumprimento da lei Paz Andrade, da Carta europea das linguas e das resolucións do Consello de Europa, derrogación do decreto contra o galego no ensino, oferta positiva en todos os servizos públicos e privatizados, etc.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego