‘Quererse ben’ de Mondra convértese na ‘Mellor Música do 2024 na Galiza’ e ‘Amor de Ferro’, do algarvío Diogo Piçarra ‘Mellor Música do 2024 en Portugal’ tras as votacións do público do certame aRi[t]mar.
‘Quererse ben’
Mondra, natural da parroquia de Recesende, no concello de Teo, é dos máximos representantes da revolución da nova canción galega. Tanto é así, que vén de recoller un Premio Mestre Mateo polo videoclip de ‘Marimondra’.
Neste caso, a canción premiada polo público, ‘Quererse Ben’ compón un bo exemplo dunha das diversas sonoridades que acada o artista, trazando neste caso unha balada que fala do xeito de expresar o amor e os afectos. Mondra está a piques de presentar o vindeiro 6 de maio un novo traballo baixo o título ‘De ronda’.
‘Amor de Ferro’
‘Amor de Ferro’, do algarvío Diogo Piçarra e o portuense Pedro Abrunhosa, supón a colaboración de dous xigantes da música contemporánea de Portugal, aínda que pertencentes a diferentes xeracións de autores.
A canción amosa o estilo deste último cun pop moderno que reúne texturas electrónicas e outras máis orgánicas, coma as do piano e a guitarra.
Gala aRi[t]mar 2025
Os músicos vencedores, que ademais do premio comparten o amor como tema vertebrador das cancións vencedoras, recollerán o premio e actuarán na gala aRi[t]mar 2025, que será celebrada no mes de outubro en Santiago de Compostela, patrocinada pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela, o Instituto Camões e o Interreg España-Portugal a través do AECT Galiza-Norte de Portugal.



