Os días 28, 29 e 30 de agosto acollerán a nova edición da Romaría de Santa Margarida que contará cun amplo programa de concertos, obradoiros, actividades participativas e encontros arredor da cultura tradicional galega.
A alcaldesa, Inés Rey, presentou a romaría xunto ao concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e representantes das entidades colaboradoras e artistas participantes. “Esta romaría representa moi ben a cidade que queremos seguir construíndo: unha Coruña orgullosa das súas raíces, aberta ao mundo e que entende a cultura como un espazo de encontro e convivencia”, sinalou a alcaldesa durante a presentación.

Programación
A programación arrancará o venres 28 de agosto cun concerto especial no Planetario da Casa das Ciencias a cargo de PÄRBO, o proxecto formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos, acompañado das creacións visuais de Montse Piñeiro.
A continuación, o anfiteatro de Santa Margarida acollerá a tradicional Gran Noite do Folclore, coa participación de Son d’Aquí, Donaire, Xacarandaina e Cántigas da Terra, catro das entidades máis representativas da cultura tradicional na cidade.
O sábado 29 será a xornada máis participativa, coa instalación dun espazo de obradoiros, mostra de entidades e artesanía musical na explanada da Casa das Ciencias. O músico Benofán protagonizará a actuación do mediodía e, xa pola tarde, a Real Banda de Cadeiras Encartables percorrerá o parque antes dos concertos de Unto Vello, Os Viqueiras e Alana no anfiteatro.
A Romaría pecharase o domingo 30 de agosto cunha programación que combinará tradición e novas expresións da música de raíz. A Banda Municipal de Música da Coruña actuará xunto a Donaire na escalinata da Casa das Ciencias, mentres que ao longo da xornada pasarán polos diferentes escenarios Pansenfron, Son Galaico, Herbamora, Mondra e o grupo irlandés Dervish, unha das formacións máis recoñecidas da música celta a nivel internacional.
Inés Rey destacou a importancia das asociacións culturais da cidade na organización da romaría. “Esta celebración é tamén unha homenaxe ás persoas e entidades que levan décadas preservando, divulgando e renovando o patrimonio musical galego. Grazas ao seu traballo, a cultura tradicional continúa viva e segue chegando ás novas xeracións”, indicou.
A alcaldesa puxo tamén en valor o equilibrio entre tradición e contemporaneidade que caracteriza a programación deste ano. “A Romaría de Santa Margarida é un lugar onde conviven as agrupacións históricas da cidade, as novas voces da música galega e artistas internacionais que comparten unha mesma raíz atlántica. Esa combinación é unha das grandes fortalezas desta cita”, apuntou.
A Romaría de Santa Margarida constitúe cada ano o gran peche das Festas de María Pita e consolídase como unha das principais celebracións da cultura tradicional galega no calendario estival da cidade.
Durante tres días, o parque volverá converterse nun espazo de encontro para milleiros de persoas arredor da música, do baile, da artesanía e das tradicións populares.



