Mofa e Befa estrearán no FIOT de Carballo a obra ‘Pirolíticos’, unha reflexión sobre o impacto do patriarcado nos homes

Carballo volverá converterse no corazón do teatro galego desde o 30 de setembro ata o 31 de outubro. O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, a gran celebración das artes escénicas de Galicia, festexará a súa 31ª edición con dous pratos fortes que vén de avanzar esta semana.

‘Pirolíticos’ dirixida por Clara Gayo

O primeiro adiante céntrase na estrea da nova creación de Mofa e Befa, o dúo conformado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen este ano recibe o galardón Xograr de Outono. A obra, ‘Pirolíticos’ é unha coprodución do FIOT que poderá verse o 7 de o 8 de outubro.

Sobre as táboas, Calvo e Mosqueira lanzarán un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, poñendo o foco dos que simpatizan coa teoría feminista e aspiran a vivir en consonancia con ela, pero que enfrontan unha cultura e unha sociedade profundamente machista. A obra, dirixida por Clara Gayo, conta coa dramaturxia de Lucía Aldao, a propia Gayo e María Lado, e contará cunha segunda función o sábado 8 de outubro.

’70 anos: Leo Bassi’

O outro prato forte do FIOT deste 2022 é a volta de Leo Bassi á Costa da Morte. Carballo acollerá o 16 de outubro a estrea en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’, peza na que o irreverente clown italiano fai balance da súa traxectoria de máis de 60 anos sobre as táboas á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria, e do humor, descubre ao público a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.

Presentación do programa completo

A vindeira semana presentarase o programa completo do 31º FIOT, da que xa se coñecen -ademais das estreas en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’ e ‘Beautiful Stranger’, ou a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’-, os espectáculos que formarán parte da sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das liñas de programación máis queridas polo público ao ofrecer creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. ‘Xeografía dos corpos’, de Compañía Anxela Blanco; ’Viaxar é un pracer’, de Dani Blanco; ‘Actriz, chora’, de Cacharela Teatro; ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili; ‘Menú do día’, de Colectivo #ChamizoBelloVila; e ‘Homeless’, de Mónica Paradela Cuñarro, participarán no certame M2 de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego