Miguel Loureiro: “No Dépor vivimos o galego con total naturalidade”

O xogador do RC Deportivo, Miguel Loureiro, senta ante as cámaras de Nós Televisión para analizar a situación do galego no fútbol profesional e reivindicar a importancia de que a mocidade conte con referentes na súa lingua.

Loureiro, que se define como galegofalante “de toda a vida”, comparte as dificultades que supuxo manter a súa lingua cando se incorporou ás categorías inferiores do club con apenas 11 anos. “Nesas idades tempranas custaba un pouco manter o idioma; moitos compañeiros cambiaban ao castelán por non ser diferentes e sentirse máis integrados no grupo”.

Fronte a esa presión social, o xogador destaca que a educación recibida na casa deulle a “forza” necesaria para seguir expresándose en galego.

Referentes galegofalantes no deporte

Loureiro amósase optimista respecto ao futuro do idioma na cidade da Coruña. O futbolista sinala que a progresiva chegada de profesionais procedentes do ámbito rural a diferentes posicións do RC Deportivo axuda a “espallar o galego”.

Así mesmo, o xogador do Dépor tamén pon en valor a auxe da cultura e da música urbana en Galicia, indicando que estas iniciativas son fundamentais para conectar coa adolescencia.

Tamén asume o seu papel como figura pública de cara ás novas xeracións: “Se os nenos nos ven a nós utilizalo con normalidade, ao mellor tamén se animan a facelo”.

Esta entrevista arredor do fútbol e a lingua, que xa se atopa dispoñible na canle de YouTube, constitúe o anticipo do filme documental ‘A Coruña fala galego‘ que se presentará o 1 de decembro ás 19.30 horas no Auditorio da DOMUS na Coruña onde se contará cun coloquio con todos os participantes no documental. A entrada é de balde.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego