Mercedes Queixas, autora destacada pola AELG no mes de decembro

A Asociación Galega de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca neste mes de decembro o labor literario de Mercedes Queixas Zas que, ademais de escritora, é profesora e deputada no Parlamento de Galicia.

Queixas estudou no IES de Monelos e licenciouse en Filoloxía Hispánica, subsección galego-portugués, na Universidade da Coruña. En 1996 aprobou as oposicións de secundaria na especialidade de Lingua Galega e Literatura e exerceu o primeiro ano no IES Monelos e logo no CPI Alcalde Xosé Pichel, de Coristanco, labor que compaxinou desde 2005 coas funcións de secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Entre 2007 e 2010 foi coordinadora territorial de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da provincia da Coruña, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Entre 1995 e 2000 foi coordinadora da editorial Laiovento. Formou parte da cerna de ProLingua, e da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Dende decembro de 2018 é integrante correspondente da Real Academia Galega. Nas eleccións autonómicas de 2020 ocupou o terceiro posto da candidatura do BNG pola provincia da Coruña sendo elixida deputada do Parlamento de Galicia.

Publicou colaboracións en La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Sermos Galiza e Nós Diario. Escribe ensaio, literatura xuvenil  –Xandra, a landra que quería voar- ou mesmo poesía -Partituras-.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego