Mercedes Peón sobe ao Vagón de Nós Televisión

Cando lle tocaba soltar o pelo, ela optou por rapalo. Foi a voz da inesquecible melodía de ‘Mareas Vivas’. Eran o rostro e o sorriso que cada semana nos traían a través da tele esa música e esa tradición que a ela mesma engaiolara con só 13 anos. Pero co cambio de século decidiu dar un xiro á súa carreira, que resoou coa mesma forza que o golpe dunha pedra contra un sacho. Máis tarde chegou a experimentación por territorios musicais polos que hoxe navegan algunhas das artistas galegas que copan as listas de reprodución, e que o fan, seguramente e en moi boa parte, grazas a ela. E despois chegou o cine, pero nunca deixou de experimentar e de facelo sempre desde unha perspectiva política, feminista e galega.

Mercedes Peón, “artista de autoestima cultural”, como lle gusta definirse a ela, é a protagonista deste 12º capítulo do programa de videopodcast O Vagón, que presenta o xornalista Luís Pardo e produce e realiza Nós Televisión, gravado no interior dun tren na Estación de Vedra.

Este programa está patrocinado por Deleite e conta co apoio de Gadis e a colaboración de Nuria Grandío (@konachadas) para a sección de preguntas na rúa.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego