O libro máis lido e traducido da literatura galega xa ten adaptación á banda deseñada. É a primeira vez que a obra fundamental de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, ten adaptación gráfica. Iria Aldegunde pon en imaxes “ese mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos”, segundo se sinala na contraportada do cómic que ven de editar Galaxia.
Iria Aldegunde naceu en Santiago de Compostela no ano 2000 e compaxinou os estudos de Filoloxía inglesa coa súa formación en banda deseñada no Garaxe Hermético, a escola profesional fundada polo historietista Kiko da Silva. A novela gráfica, que xa está dispoñíbel nas librarías do país, pretende achegar a historia de Balbino a un público novo.