Desde o pasado martes 22 de febreiro até o vindeiro 20 de marzo, están abertas as votacións para escoller a Mellor Música do Ano na Galiza e Portugal. O xurado do Certame aRi[t]mar ven de anunciar as cancións finalistas, 10 galegas e 10 portuguesas, que aspiran ao recoñecemento do público. Para votar só é necesario acceder á páxina web de aRi[t]mar ou a través das ligazóns partilladas nas redes sociais do certame.
As finalistas galegas
As cancións finalistas na categoría de Mellor Música do 2021 na Galiza son as seguintes: Luar (Baiuca ft. Lilaina), O Samil é Portugal (Os Vacalouras e Quim Barreiros), Maneo de Caión (Sheila Patricia), Maneo de Cambre (Caamaño & Ameixeiras ft. Silvia Pérez Cruz e Carola Ortiz), Casa deshabitada (Moel feat. Guadi Galego), Emerxencia: Freixo (Davide Salvado e Abe Rábade), Pobo de artistas (Dakidarría ft. Tanxugueiras e O Rabelo), Outras Lérias (Ukestra do Medio), Somos a pedra (Os d’Abaixo) e Peixe (Xisco Feijóo).
As finalistas de Portugal
Para a categoría de Mellor Música do 2021 en Portugal, as cancións finalistas son as seguintes: Areia Fina (Tiago Nacarato & Fran), Estou por Tudo (Miguel Araújo e Cláudia Pascoal), Andorinhas (Ana Moura), Este Meu Jeito (Elisa), Cidade (Bárbara Tinoco por Bárbara Bandeira), Mãe (Mariza), Eco (Carolina Deslandes), Sou Como Sou (Ana Bacalhau), Ready [Mulher Batida] (Orelha Negra com A Garota Não) e Purga (Rita Vian).
Lei Paz-Andrade
O proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, aRi[t]mar, ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.