Allariz acollerá o próximo 25 de febreiro a xornada ‘Medrar en galego’, organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Allariz, a Deputación de Ourense, o Espazo Ben Común e a Confederación de ANPAS galegas. O programa de actividades desenvolverase ao longo de todo o día e incluirá obradoiros onde partillar experiencias de éxito e resolución de conflitos, xogos, contos e feira de empresas en galego. Magín Blanco porá o ramo cun concerto de Gatuxo que terá lugar na praza do Concello que, como o resto das actividades, será de acceso libre e gratuíto.
O programa de actividades está destinado a familias e crianzas e busca a reafirmación do emprego do galego, mais tamén para debater, contrastar e partillar dúbidas, inquedanzas e as situacións que se viven día a día. A participación en todas as actividades é libre e aberta agás nos obradoiros de crianza en galego no que cómpre incribirse xa que conta con límite de capacidade.