Representantes da cultura e distintos cargos institucionais participan no roteiro Compostela e a lingua, organizado pola Asociación de medios en galego (AMEGA).
O 7 de febreiro de 1876 nacía a primeira publicación periódica monolingüe en galego, O tío Marcos d’a Portela. Desde aquela, numerosas publicacións na nosa lingua continuaron o legado iniciado hai 146 anos. A día de hoxe, son máis de 140 os medios de comunicación que en Galiza empregan o galego en exclusiva.
Como cada ano, a comezos do mes de febreiro, a AMEGA organiza diversas actividades conmemorativas do, xa institucionalizado, Día dos medios en galego. Nesta ocasión, desenvolveuse un roteiro que concluíu con diversas intervencións que insistiron na necesidade de defender a existencia de medios de comunicación propios e en galego.
Un día polo galego, e polos medios en galego
Manel Pardo, responsábel do medio compostelán Lindeiros.gal, foi o encargado de falar en nome da AMEGA. Na súa intervención quixo reivindicar o importante papel xogado polos medios en galego na defensa da lingua. Tamén quixo salientar o enorme traballo que realizan os medios de comunicación propios. “Nós xa falabamos das Tanxugueiras hai dous anos”, destacou.
Outra das persoas que interveu ao rematar o roteiro foi Marta Abal, concelleira responsábel de Economía e Facenda do Concello de Santiago. Durante o seu discurso, Abal quixo deixar claro que o “50% do galego nas aulas non é suficiente”. Pola súa banda, a deputada de Normalización e Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, recoñeceu a “fazaña heroica” dos medios galegos, e incidiu no descenso de galegofalantes entre a mocidade, poñendo o foco na importancia das administracións.
Bota a lingua a pacer
A escritora Rosalía Fernández Rial e Os Quinquilláns puxeron a nota artística a un roteiro que botaba a andar ás 11:30 da mañá desde a rúa Nova de Compostela. Acompañadas polo grupo de gaitas da Asociación Cultural Panaraiada, máis de 50 persoas participaron na actividade organizada pola AMEGA. O filósofo Antón Baamonde, o escritor Bieito Iglesias e a profesora Anxos García Fonte, disertaron sobre diversos temas relacionados coa lingua e a literatura galegas.