O IES do Milladoiro presenta dúas iniciativas innovadoras arredor da regueifa, impulsadas coa participación activa do alumnado deste centro de Ames e a Deputación da Coruña.
Por unha banda, o M.I.R. (Mapa Interactivo da Regueifa), unha proposta didáctica que aborda esta tradición oral desde unha perspectiva contemporánea. O proxecto materialízase nun repositorio dixital accesible que reúne contidos audiovisuais e textuais sobre a regueifa tradicional e actual, co obxectivo de contribuír á súa conservación, difusión e aprendizaxe.
Por outra banda, o II Campus de Regueifa, que se desenvolverá os días 8, 9 e 10 de maio no propio IES do Milladoiro. Este encontro reunirá arredor de 50 regueifeiras e regueifeiros adolescentes, xunto con profesorado implicado, nun espazo de convivencia e formación que combinará obradoiros, palestras, actividades lúdicas e a creación dun espectáculo colectivo aberto á comunidade. O Campus busca consolidarse como unha actividade anual itinerante, fortalecendo a rede de centros educativos que traballan a regueifa e promovendo o uso activo da lingua galega entre a mocidade. Ademais, pretende fomentar valores como a igualdade, o respecto e o pensamento crítico, ao tempo que explora novas conexións entre tradición e creación contemporánea. Esta iniciativa está organizada pola área de Lingua da Deputación de Coruña en colaboración co Proxecto Regueifesta, o IES do Milladoiro e a Asociación Oral de Galicia.




