‘Matria’, de Álvaro Gago, supera os 60 mil euros de recadación con 10 mil espectadoras nas salas

‘Matria’ está a ser unha nova revolución para o cinema galego. A ópera prima do cineasta Álvaro Gago arranca con éxito nas salas comerciais e, en catro días, supera as 10 mil espectadoras e os 60.000 euros de recaudación segundo os datos de ComScore Spain.

Este éxito converteuno na película máis vista a fin de semana en cinemas coma Cantones Cines da Coruña (onde obtivo a maior recadación), NUMAX de Santiago, Multicines Norte de vigo, Gran Arosa de Vilagarcía, Cine Embajadores de Madrid, Cinema Codex de Lugo, Duplex Cinema de Ferrol, Cine Seixo de Marín e os Cines Mercado de Soria.

Durante toda esta semana o equipo segue acompañando o filme en pases especiais en Ferrol, Vigo, Santiago, Lugo e Ribeira, e coloquios online con cinemas de Madrid e Barcelona.

Matria

Matria conta a historia de Ramona, unha muller que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredecible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.

María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quen a ferro mata) interpreta a Ramona. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.

Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Premio Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019.

Calendario de proxeccións presentadas polo equipo de ‘Matria’ en Galicia

28 marzo
20:10h. Vigo – Multicines Norte. Presentación e coloquio con Álvaro Gago

29 marzo
19:30h. Santiago de Compostela – NUMAX. Presentación e coloquio con Álvaro Gago, María Vázquez e Susana Sampedro.

30 marzo
20:30h. Lugo – Codex Cinema. Presentación e coloquio con Álvaro Gago e María Vázquez.

31 marzo
20:00h. Ribeira. Cines Barbanza. Presentación e coloquio con Susana Sampedro e Daniel Froiz.
20:10h. Santiago – Cines Compostela. Presentación e coloquio con Álvaro Gago.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego