Dende hai máis seis anos, a equipa de Nós Televisión conta coa profesionalidade de Martín Rodríguez Vázquez que vén de ser nominado na primeira edición dos Premios Alumni-Uvigo á mellor traxectoria profesional na categoría de humanidades. Para realizar as votacións debes de formar parte da Universidade de Vigo e acceder a través da seguinte ligazón. A resolución dos galardóns darase a coñecer este mércores.
Os traballos de Martín Rodríguez exhibíronse en máis de 50 festivais de cinema de todo o mundo en países como Grecia, Francia, Colombia, Brasil ou Arxentina e foi seleccionado a participar en prestixiosos festivais de cinema como Málaga, Cans ou Nocturna de Madrid.
Martín Rodríguez Vázquez, que actualmente realiza traballos de edición e realización en Nós Televisión, ademais dun continuo apoio en guión e cámara, conta con amplos recoñecementos ao seu traballo como son o Premio ao Mellor curto galego en Festival Fancine de Lemos e o Mellor curto no Festitmage de Catalunya. Algún dos videoclip que realizou emitiuse pola MTV e foi seleccionado entre os mellores videoclips nacionais.
Premios Alumni-Uvigo
A Universidade de Vigo convoca os I Premios Alumni-UVigo co fin de promover a excelencia e recoñecer o labor persoal e profesional das persoas usuarias da comunidade alumni-UVigo que destaquen por unha traxectoria que achegue valor e teña unha clara vontade de inducir cambios na sociedade. Os galardóns divídense por categorías: investigación, impacto social, humanidades, traxectoria profesional e emprendemento.