‘Maridos e sodomitas, os casamentos de home no Reino da Galiza medieval‘ é un filme documental elaborado por Nós Televisión, producido pola Deputación da Coruña e documentado e presentado por Carlos Callón, filólogo, investigador e autor da obra ‘Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media‘ que brevemente lanzará ‘Vidas e historias LGBT da Idade Media‘.
A historia da homosexualidade entre homes en Galiza
Cun formato road trip, viaxamos por diferentes puntos da xeografía galega para dar a coñecer algúns fitos, documentación e monumentos da nosa historia, que serven para derrubar mitos existentes arredor das relacións entre un mesmo sexo e que certifican que até finais da Idade Media, a homofobia non existiu coa forma e forza hexemónica que lle vinculamos hoxe en día.
Lugares e documentos únicos na península
O documento máis antigo da península ibérica que recolle un casamento entre homes atópase en Galiza, recollido no Tombo de Celanova, con data do 16 de abril de 1061, referido a un casamento que tivo lugar na parroquia de Santa María de Ordes de Rairiz de Veiga.
No Centro Arqueolóxico de Neixón podemos ver unha pedra atopada nunha finca desde municipio de Boiro, no lugar da Igrexa, en Taragoña, unha lápida da época romana, cunha inscrición que honra a dous amantes homes, Urso e Rufino.
Tamén no século XV atopamos representadas as relacións homosexuais, neste caso en dúas figuras entrelazadas no sepulcro do bispo Xoán Fernández de Soutomaior II situado na catedral de Tui.
Persoal experto que participa no filme
Nesta viaxe, Carlos Callón atópase rodeado de expertas e expertos en cadansúa materia como por exemplo é o arqueólogo Xurxo Ayán; ao historiador do Reino de Galiza, Francisco Rodríguez; ao historiador medievalista Xosé Miguel Andrade, editor do Tombo de Celanova; e a Marta Cendón, historiadora da arte e estudosa da representación de esculturas funerarias.
Música orixinal polo Projecto Mourente
O filme documental conta coa música orixinal do Projecto Mourente, a cargo de Carlos Valcárcel que reinterpreta unha das cantigas medievais que narran o amor entre homes.
De salientar é ademais que o ano que vén está prevista a publicación dun novo título de Carlos Callón que resume os resultados das súas investigacións en todo este tempo sobre a cuestión: ‘Vidas e historias LGBT da Idade Media‘ (Edicións Xerais).