María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias recollen os Premios Xerais

A festa das letras volveu este ano ao Museo do Mar de Vigo. María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias recibiron os premios Xerais de Novela, Jules Verne de Literatura Xuvenil e Merlín de Literatura Infantil, respectivamente, coincidindo coa chegada das obras ás librarías.

“O futuro da lingua galega é tamén o futuro de Xerais”

O acto, presentado pola actriz e escritora Sabela Hermida, foi inaugurado cun discurso do director de Xerais, Fran Alonso, que parabenizou ás gañadoras e agradeceu o traballo dos xurados.  Alonso falou tamén da preocupación de Xerais polo estado da lingua galega, que perde falantes entre as xeracións máis novas. Desa preocupación xorde o isologo ‘Fálame Sempre’, de Pepe Barro, co que a editora quere abrir unha liña de publicacións arredor desta cuestión, como O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, ou ‘Lingua, poder e adolescencia’, de Miguel Rodríguez Carnota. “O futuro da lingua galega é tamén o futuro de Xerais, o futuro da edición galega, o futuro da literatura galega e o futuro da nosa cultura”, reivindicou.

“Como non emocionarse cando recibes un premio que vés lendo e coleccionando desde a adolescencia?”, preguntábase María Solar ao recoller o Premio Xerais de Novela pola súa novela ‘A culpa’. Pola súa parte, Rocío Leira dedicou o seu libro ‘Cicuta para dous’ “a aqueles que se permiten o luxo de cuestionar as cousas, a aqueles que son capaces de observalo todo baixo perspectivas diferentes”.

O Premio Merlín 2022 foi outorgado a Anxo Iglesias polo seu poemario ‘Unha nova dimensión’. Anxo Iglesias, para quen este é o seu primeiro libro, empregou precisamente un poema para agradecer o recoñecemento ao xurado, falar do proceso creativo, dos apoios que tivo ou do que significa para el este recoñecemento.

O poeta Ismael Ramos pechou o acto coa súa obra ‘Lixeiro’, editada Xerais, coa que acadou este ano o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández. O acto, que foi retransmitido, pódese ver aquí.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego