María Rozas: “A mocidade necesita medidas contundentes de acceso á vivenda”

O Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga en Santiago de Compostela é único en Galicia. Non só funciona como un centro de proximidade para a xente moza senón que tamén organiza formacións, eventos culturais, ofrecen locais de ensaio e mesmo un estudio de gravación para as bandas. Por esta razón escollémolo como escenario para a entrevista coa tenenta de alcaldesa, María Rozas. Ela é concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude por Compostela Aberta, formación que sostén o goberno local de coalición co Bloque Nacionalista Galego.

Preguntada por este centro, Rozas afirma estar “orgullosísima del” xa que “moitos dos grupos que o están petando agora pasaron polo Centro Xove“. Rozas mantén un discurso optimista arredor da xente nova que ten “moito de positivo ante un mundo cada vez máis incerto”. “Encántame ver como a xente moza fala da saúde mental sen tabús”, exemplifica.

Preguntada pola crise de vivenda, a tenenta de alcaldesa detalla que é un “drama social” no que a mocidade “necesita medidas contundentes de acceso á vivenda de calidade e con prezos accesibles”. Rozas tamén fala de que esta crise de vivenda está a afectar especialmente á poboación vulnerable, contexto no que destaca a recente medida do seu departamento para ofrecer vivenda temporal a persoas migrantes.

Ante o momento político e social que atravesamos, coa auxe de discursos de extrema dereita, María Rozas amósase preocupada pero firme xa que “as que que traballamos por un mundo diferente somos maioría” e puntualiza: “traballemos todas desde a nosa esfera para que non nos quiten dereitos xa consolidados”

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego