Recuperar a memoria das mulleres que marcaron a historia da cultura e lingua galega é un dos eixos fundamentais de traballo para Nós Televisión. Por iso, reunímosvos tres das nosas últimas reportaxes sobre tres figuras fundamentais como son María Miramontes, Avelina Valladares e Maruxa Villanueva.
María Miramontes
A vida de María Miramontes estivo próxima a ficar no esquecimento. A súa invisibilización ten dous motivos: ser muller e vítima da represión franquista. Filla de xornaleiros, comeza a traballar como costureira con só 11 anos na cidade da Coruña. Militará nas Irmandades da Fala e formará parte da súa xunta directiva. Nese ambiente activista coñecerá a Anxel Casal, o seu marido e compañeiro de loitas, co que decidirá instalarse en Santiago de Compostela unha vez sexa proclamada a República.
Modista reputada na sociedade santiaguesa, o seu traballo foi fundamental para o sostemento económico das diversas iniciativas editoriais e culturais do galeguismo: as Irmandades da Fala, as editoriais Lar e Nós e as Escolas do Insiño Galego. Xunto a outras militantes galeguistas, María vai participar activamente da criación do Partido Galeguista e da campaña a prol do Estatuto de Galiza.
Após o golpe de Estado e a detención e asasinato do seu home, Anxel Casal, María Miramontes vese obrigada a marchar para o exilio. Será en Buenos Aires onde falecerá o 17de setembro de 1964.
Achégate con nós a esta historia e axudanos a recuperar a nosa memoria, a fondo.
Esta reportaxe foi posíbel grazas ao apoio do Concello de Bergondo, o Concello de Santiago, o Concello de Arzúa e a Deputación da Coruña.
Maruxa Villanueva
Nós Televisión viaxa á vila de Padrón, á Casa Rosalía, para coñecer a quen foi durante moitos anos a súa cara visíbel: Maruxa Villanueva, actriz, cantante, galega e emigrante.
Tentar redescubrir a historia das mulleres supón, ás veces, encaixar as pezas dun quebracabezas formado polas impresións que foron deixando tras de si noutras persoas.
Algunhas traxectorias ficaron no esquecemento porque, ao feito de ser muller, sumóuselle a emigración e a longa noite de pedra do franquismo.
Esta reportaxe foi posíbel grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.
Avelina Valladares
A néboa envolve a Casa Grande de Vilancosta na parroquia estradense de Berres. O fogar da familia Valladares garda as pegadas da enigmática figura de Avelina Valladares, unha creadora fundamental do Rexurdimento galego da que aínda pouco sabemos. Quen foi Avelina Valladares? Por que non existe ningunha foto dela? Como rachou coas normas sociais establecidas? Cal era o seu compromiso coa lingua e o pobo galego?
Percorremos Vilancosta ata que a néboa marcha da Casa Grande e o sol queda iluminando a historia da poeta da Ulla. Este é o Rexurdimendo de Avelina Valladares.