María López Sández, autora destacada pola AELG neste mes de agosto

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de destacar neste mes de agosto á escritora luguesa María López Sández, licenciada en Filoloxía Hispánica, Inglesa e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela.

Sández tamén é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese ‘A descrición topográfica, o seu papel na construción dun imaxinario cultural no discurso literario galego (Cantares gallegos, Arredor de si e o ciclo textual de Tagen Ata)‘. Foi integrante de diversos proxectos de investigación centrados en cartografías literarias, poesía non lírica e a prosa de Rosalía de Castro. O seu traballo investigador centrouse nos espazos literarios, a dimensión ideolóxica da cartografía e o uso da descrición topográfica para a conformación de imaxinarios territoriais.

Exerce a docencia en Ensino Secundario e é Profesora Asociada de Didáctica da Lingua e a Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Conta con galardóns como o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007 pola obra ‘Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio’. Premio Repsol de Narrativa Breve Repsol 2012 por ‘A forma das nubes’, publicada por Galaxia en 2012. Finalista do premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia por O faro escuro’, publicado por Galaxia en 2015.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego