MARÉ, festival de músicas e artes atlánticas, pechou o pasado domingo a súa quinta edición logo de congregar máis 10.000 espectadoras entre os concertos de pagamento -para os que se venderon máis 2500 entradas- e mais os celebrados de forma gratuíta.
MARÉ cumpriu, ademais, cos obxectivos previstos para este 2024, ano en que se conmemora o vinte aniversario do seu predecesor: Cantos na maré. Estas metas viñan definidas pola filosofía que guía o festival dende os seus inicios: a posta en valor do talento musical autóctono, a colaboración entre artistas locais e internacionais, a consolidación de Compostela como capital de referencia para as diversidades musicais atlánticas, a integración coidadosa da programación nas dinámicas sociais e culturais da cidade e a participación no activismos social ao apoiar iniciativas a prol do pacifismo, o feminismo, a diversidade sexual ou a sustentabilidade.
Destacados do festival
Ao respecto da creación de sinerxías artísticas, destaca o proxecto conxunto de Sumrrá con Niño de Elche, que fusiona concepcións e xéneros artísticos distintos, e no eido do activismo débese salientar a participación de Al Ázar, formación que naceu tras os eventos acontecidos en Palestina en outubro de 2023 e no que se mesturan as influencias musicais de palestina Rawan, do boliviano El Zuri e do alemán Tony.
A integración coa cidade manifestouse no éxito de iniciativas como MARÉ Crianza, con concertos destinados á infancia como o de Lydia Botana afondando así na conciliación do público compostelán; o reparto das actuacións en diferentes espazos da cidade, destacando o centro neurálxico que significou a praza de Mazarelos para o encontro coa cidadanía, e a recuperación dun formato escénico histórico vencellado a Santiago dende comezos dos anos noventa do pasado século: as célebres Ultranoites do Grupo Chévere, que levaban case unha década sen se representar en Compostela.
Ademais, MARÉ brindoulle a Santiago unha oferta musical de primeira orde que serviu para radiografar tanto as sensibilidades creativas como as diversidades artísticas de ambas as dúas beiras do Atlántico cunha programación que incluiu a 25 artistas. Concertos como os de Francisco, el hombre, Albert Pla & The Suprise Band, A Pedreira, SÉS trío ou Lá no Xepangara, homenaxe da lusofonía ao Zeca Afonso, foron algunhas das grandes citas que chegaron a Compostela da man do festival.
Sábado 19 de outubro
MATE, sección profesional dentro de MARÉ conformada por showcases, palestras e sesións de pitching, desenvolveu a súa primeira parte de actividade durante os días en que se celebrou o festival e culminará este mes de outubro cunha nova quenda de reunións entre profesionais das diferentes ramas do sector musical. A actividade centrarase ao redor dunha cita moi especial: o concerto que Arnaldo Antunes ofrecerá o sábado 19 de outubro na Sala Capitol.
Arnaldo Antunes (São Paulo, 1960) é un poeta, cantante e compositor que formou parte da histórica banda Titãs, formación coa que gravou sete discos. Iniciou a súa traxectoria en solitaria en 1992 e, dende aquela, até hoxe lanzou 18 álbums discográficos. Con este concerto, enmarcado a celebración do seu 40 aniversario no mundo da música, fai parada en Santiago grazas a MATE. As entradas xa están á venda nesta ligazón.