MARÉ Músicas e Artes Atlánticas pechou a súa edición de 2026 cunha participación de máis 15.000 espectadores no conxunto das súas propostas, nas que se ofreceron 30 espectáculos. Esta resposta por parte dos públicos reafirma a filosofía do evento e o seu carácter singular como festival, que converte Compostela nun espazo de encontro entre músicas, culturas, artistas e profesionais, así como nun lugar de descubrimento de novas expresións para os espectadores.
A aposta pola creación e o encontro
A participación de 15.000 espectadores supón, finalmente, o respaldo a un modelo que aposta pola diversidade cultural, as músicas de raíz e as súas linguaxes contemporáneas, a creación e o encontro fronte ás fórmulas convencionais dos grandes festivais. MARÉ despide así a súa edición de 2026 reforzado como espazo de creación, intercambio e conexión internacional, e con novas relacións abertas que permitirán seguir situando Galicia dentro das redes culturais e musicais internacionais.

A creación propia como sinal de identidade
Como marcas de refenrencia para esta edición de 2026, destacan as creacións especiais Cuba canta en Maré, concibida como un encontro arredor da música cubana, o jazz e a salsa; a Misa “El Bosque Negro”, encontro entre Alejandro Vargas e Gino Sitson; e De Zemambiquo a Zigala, de Cheny Wa Gune e A Pedreira, que recupera as pontes musicais entre Galicia e Mozambique en recordo de Fran Pérez, Narf.
Esta liña de traballo expresa un dos obxectivos fundamentais de MARÉ: favorecer encontros que dificilmente se producirían fóra do contexto do festival e contribuír activamente a xerar novo repertorio, novos diálogos e novos proxectos con percorrido máis alá de Compostela.
Un novo salto para a dimensión profesional
A edición de 2026 supón tamén un avance significativo na vertente profesional de MARÉ. Os encontros desenvolvidos arredor da sección Pro serviron para poñer en marcha unha relación estable de colaboración entre festivais internacionais, abrindo un novo ámbito de traballo para compartir experiencias e favorecer futuras conexións entre artistas, programadores e territorios.
Deste xeito, MARÉ reforza a súa posición non só como acontecemento cultural dirixido ao público, senón tamén como punto de conexión profesional desde Galicia cara a outras escenas e circuítos internacionais.
A iniciativa prolonga a filosofía de intercambio que atravesa o conxunto do festival, combinando a experiencia do público con espazos especificamente orientados ao encontro entre artistas, profesionais e axentes culturais.




